Pedro Lamas / Germán Díaz / Alfonso Morán

Glossa nova

 

 

Hai músicas que se dirixen ao infinito nunha viaxe circular na que se acaso tan só por un intre, se deteñen e adoptan a forma dun lugar e dun tempo que nos amosa quen somos e onde estamos.

 

Estas músicas son quen de vestirse coas máis diversas roupas, acompañándonos desde a escuridade dos tempos para iluminar as nosas emocións e convertir en expresión sonora as nosas inquedanzas, unha e outra vez. 

 

Esta recurrencia ao longo do tempo, musical e cronolóxico, conecta a música do renacemento e barroco coa música dos nosos días, nunha viaxe de ida e volta na que non todo o que soa é o que parece, nin todo o que parece que soa é.

 

Algunhas destas vellas músicas (Folías, Vacas, Chacona, etc.) foron glosadas mil e unha veces polos máis diversos autores, nunha reinterpretación inesgotable con proxección ao futuro que nos conecta así, simbólicamente, coa idea da eternidade.

 

 

Pedro Lamas, Germán Díaz e Alfonso Morán son tres personalidades musicais de recoñecida traxectoria que moldean a música do noso tempo. A súa capacidade creadora atrapa nesta ocasión algunhas destas músicas do renacemento e barroco para codificalas en clave da música popular contemporánea. A vella música do órgano mírase no espello de hoxe para recoñecerse unha vez máis.